A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) dotou con 10.000 euros aos proxectos que resultaron vencedores en cada categoría e con 3.000 aos que quedaron en segunda posición.
As iniciativas realizadas por novos habitantes do rural destacaron nuns recoñecementos que, segundo a organización, «reflicten unha transformación no rural galego».
Laura Vallejo Castro, motoserrista profesional e creadora de contido, levouse o primeiro premio na sección de mulleres. A moza lucense, pioneira en subir contido forestal en redes, empezou a publicar vídeos «de casualidade».
O «interese» dos seus compañeiros e o «descoñecemento» das cidades máis próximas, provocaron «unha explosión brutal» en canto a seguidores refírese. Vallejo recalcou que busca «concienciar sobre as oportunidades de traballo que hai no mundo forestal» a través das súas publicacións.
A contía económica recibida investira na granxa dos seus pais para «un proxecto de peche de parcelas» e, o sobrante, destinarao á compra de «material fotográfico» para a súa faceta de creadora. A lucense, á súa vez, agradeceu aos seus pais o apoio, porque eles se encargan de muxir as vacas para que ela puidese asistir ao evento.
Un taller de marroquinería, rexentado por María Elena Ferro, recibiu o segundo premio nunha categoría de mulleres que recibiu 11 propostas. Ferro, que baseou o seu proxecto na creación de zocos artesanais, defendeu «a artesanía galega e tradicional» na súa intervención.
Elena Fontán, doutora mariña de 33 anos, foi a principal galardoada na sección de mozas. O seu proxecto, realizado en Boiro xunto a Vinicius de Monte, consiste na transformación de algas nun bioestimulante aplicable a diferentes sectores como a agricultura, a alimentación animal ou a cosmética.
O bioestimulante mencionado fortalece ás plantas e mellora a súa resistencia fronte a situacións meteorolóxicas extremas. A iniciativa de Fontán foi elixida por diante da Asociación Agrupación Musical do Rosal. Esta segunda converteuse nun «eixo vertebrador» do pobo, segundo o seu portavoz.
CASAS DE MAIORES E UNHA CONSULTORA, TAMÉN PREMIADAS
O primeiro premio na categoría de interese social recaeu sobre unha iniciativa de Casas de Maiores denominada Colaxe. O seu representante, Natali Asorey, explicou visiblemente emocionada que se trata dun recoñecemento ás persoas que loitan por «un rural vivo».
O proxecto Colaxe conta con 21 Casas de Maiores en concellos de menos de 5.000 habitantes da Costa da Morte. Estes espazos permiten, segundo o seu representante, que cinco usuarios por instalación gozar de oito horas ao día dos seus establecementos de forma gratuíta.
Asorey, que «non esperaba» gañar, destacou a «visibilidade» que lle outorga este recoñecemento. Aínda que destinarán algo dos 10.000 euros recibidos a «festexalo», a maior parte da contía investirana en «arranxar a sede social» que se atopa en Laxe.
Os segundos clasificados da categoría interese social, e por tanto premiados con 3.000 euros, foron os portavoces do Club Fluvial de Monforte. Este trátase dun complexo deportivo e acuático accesible para xente con «poucos ou baixos recursos».
O Fogar do Santiso, á súa vez, levou o principal galardón na sección agrogandeira. É un «proxecto 360 que abarca todos os aspectos do rural». Respectando sempre o «ecolóxico e a trazabilidade dos produtos», transformáronse, tal e como indicou o seu representante, nunha «consultora gandeira de referencia».
O premio, aínda que lles gustaría gastarllo en «unha semana de vacacións», destinarase a «seguir crecendo». «Hai moito por facer aínda, así que se reinvestirá en equipos e en xente para que isto siga crecendo», recalcou o seu representante.
Isabelle García, cara visible do proxecto Traloagro, foi galardoada co segundo premio nesta sección. García, que comercializa carnes ecolóxicas certificadas de produción propia, instou ao «poder da decisión de compra» na promoción e loita do rural.
CASTAÑAS PARA ACELERAR A MADURACIÓN DE CÁRNICOS
A sección de innovación tecnolóxica, a cal contou con cinco iniciativas, premiou a proposta de Enzicas Bio. A empresa santiaguesa, presidida por Brandán Gómez, aproveita un fungo das castañas para «acelerar a maduración en cárnicos e en lácteos».
Gómez, do mesmo xeito que Asorey, agradeceu a «visibilidade» que lles outorga o recoñecemento e revelou que destinarán o premio a «facer probas na aula de produtos lácteos» co obxectivo de atopar «a dose exacta de maduración en queixos de pasta branda».
Sergio Poza, quen creou unha aplicación para «mellorar os custos e fomentar a economía local», recibiu o segundo premio na devandita categoría. Agrolistik, nome da app, «conecta en tempo real a propietarios de maquinaria con produtores que necesiten estes recursos de maneira puntual ou programada», informou o seu creador.
Os últimos en ser chamados ao escenario foron os proxectos de recuperación e puxeron en valor da terra agraria. Roberto Regal, cunha proposta centrada na salvación de viñedos en risco de desaparición na Ribeira Sacra, levouse os 10.000 euros do primeiro premio.
Regal chamou aos presentes a ser conscientes da «responsabilidade de manter o legado». Pois a Ribeira Sacra foi un «motor económico que merece que se lle poña en valor».
Landeira Alimentación, presidido por Marta García, recibiu o segundo galardón pola súa proposta de «elaborar tofu a base de soia ecolóxica» que a propia entidade cultiva en Galicia.
PROXECTOS CAPACES DE «TRANSFORMAR O PRESENTE»
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada de pechar a gala. Gómez destacou a relevancia de todas as propostas, pois unha «mostra viva» da capacidade do rural para «transformar o presente e construír o futuro».
«O noso territorio produtivo é unha memoria colectiva que nos explica como pobo. Galicia non sería Galicia sen os seus montes e a súa gandaría. Iso defínenos e fainos ser únicos», agregou a conselleira.
O labor da Xunta é, segundo Gómez, a de «apoiar a todos os proxectos que somen». «Sempre tedes a man tendida da Consellería para ir da man en todo o que sexa avanzar», dixo a popular aos asistentes.